Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras
O DOG do 27 de febreiro publica a “ORDE do 2 de febreiro de 2017, pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2017, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva”.
OBXECTO DA ORDE
Establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2017.
BENEFICIARIOS
Alumnado de centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2016/17, na Comunidade Autónoma de Galicia e que estea cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato. Os requisitos do alumnado para poder participar nestas actividades están regulados no artigo 3º da orde.
PRAZO DE SOLICITUDE DAS AXUDAS
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo remata o 27 de marzo de 2017. A documentación que teñen que presentar os solicitantes está regulada no artigo 6º da orde. Entre outros documentos relacionados, deberán achegar certificacións de matrícula do curso 2016/2017, e certificación académica das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2015/2016 e da nota media obtida.
PERÍODO DE REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES
Comprenderá dende a última semana de xuño ata finais de agosto de 2017
ACTIVIDADES CONVOCADAS
As actividades, número de prazas, destino e réxime de aloxamento, e achega das familias están reguladas no anexo IV da orde. As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.